lunes, 29 de octubre de 2012

Novas desde Vermont

Últimas novas: Como sabedes, o aeroporto de Boston está pechado até novo aviso. Dende alí, pese aos nosos intentos de arranxar as cousas por teléfono, tan só soubemos que teremos un retraso na nosa chegada de, como mínimo 48 horas, pouco a pouco, ao longo das xornadas iremos sabendo máis e eu tereivos informados do que pase. Agora mesmo estamos de volta en Vermont Academy.

Os rapaces están ben, ilusionados e desilusionados a un tempo e moi cansos. Chove a rabiar, coma se o ceo se laira de que estiveramos a deixar atrás algo moi, moi querido. Ademáis de dicirvos que todo ben (isto está sendo toda unha aventura, sentímonos como os protagonistas dunha película e, como protagonistas, habemos sair victoriosos) aproveitamos esta viaxe en vivo do escritor para engadir unhas pinceladas máis de emoción ao proceso.

Desde VA infórmannos de que é moi probable de que mañá suframos cortes no suministro eléctrico. Esta noite estaremos a cargar todos os aparellos posibles pero os cortes no suministro implican que teremos que ter coidado no emprego da auga e, sobre todo, anulan internet que é o noso principal medio de comunicación co mundo exterior (canto me lembro da magnífica Call of the Wild de Jack London neste lugar!) e, polo tanto, como sabedes, non poderemos contactar convosco vía skype (e ademáis non temos cobertura). É dicir, calma e tranquilidade, se non tedes novas nosas durante mañá. De ser unha situación continuada eu darei o contrasinal deste blog a unha terceira persoa en España vía teléfono fixo para poder actualizar a nosa situación.

 A maiores, mañá, dado que xa non estamos oficialmente no programa de inmersión, agardo que me chegue novo material para seguir avanzando coas clases dos rapaces namentres acabamos cuns flecos que nos quedaron colgando. Estarán todo o tempo de estudo comigo e publicarei o horario de traballo no seguinte post. Boas noites e grazas por estar aí ao outro lado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario